Historia da Coral
A Coral Barbanza nace en outubro do ano 2021 a raíz dunha iniciativa do seu director, o Prof. Alejandro Guillermo, para abrir un novo espazo de canto coral e reactivar esta actividade tan castigada durante a pandemia da Covid-19.
A palabra "Barbanza" é o nome da comarca onde se atopa a vila medieval de Noia e outros concellos veciños. É unha serra que divide as rías de Noia-Muros e Arousa, na costa do Océano Atlántico, e de aí toma o seu nome a Coral.
Sen limitacións de idade nin probas vocais, este grupo inicialmente pensouse como coro mixto, pero debido á escasa resposta de voces masculinas, optouse por un perfil de coro feminino.
Actualmente participan unhas 18 voces femininas, cun repertorio que inclúe música antiga, sacra, panxoliñas de Nadal, tradicional galega e popular.
Dende a súa fundación, a coral ofreceu múltiples actuacións, incluíndo concertos en Noia, noutras localidades de Galicia, e en Fermentelos, Portugal. En 2024, a coral obtivo o seu recoñecemento como Asociación Cultural e participou nun festival en Oviedo, Asturias.
A Coral Barbanza é membro de FECOGA (Federación Coral Galega) e do programa Alicerce da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Entre os seus obxectivos destacan o estudo de novos repertorios, a incorporación de máis cantantes, viaxar para coñecer outras corais amigas e promover eventos corais en Noia e a súa contorna.